3 nov 2011

Ai, as novas tecnoloxías!

Este ano tiven sorte cos dous grupos de 1º da ESO, son moi falangueiros, pero parecen espelidos. Que ben! Agora co Abalar non se me van aburrir; hai que aproveitar mentres sigan enguedellados cos ordenadores.
-Ola, bos días! Veña, sentade que imos facer unhas actividades moi divertidas.
-Cos ordenadores?  Beeeeeeen!!
Pero que pasa? Por que non acende este aparello? Non pode ser, quedou desconectado. Nada, sen batería. E agora que fago? Profe, profe! Sei eu, sei eu! Dálle arriba! Non, dálle abaixo! Move o cable! Toca a pantalla!... Non perdamos a calma. Nada, enchufamos o ordenador fóra do carro e xa está. Listo! Calade, que isto xa vai! Imos escoitar unha canción moi bonita, fixádevos ben na letra porque é un poema de Cunqueiro, titúlase No niño novo do vento.
Que é isto? Non vai a conexión a Internet. Vaia, ho! Profe, profe! Sei eu, sei eu! Dálle arriba! Non, dálle abaixo! Move o cable! Toca a pantalla!... Bo é que como xa me pasou o outro día traio unha copia do audio no “pincho” que se non… A ver, que facedes todos de pé? Xa está resolto, escoitade!…
E agora que pasa? Por que non se oe? Non pode ser! Que calor vai aquí. Calade, por favor! Non vedes que estou a ter problemas coa trapallada esta dos ordenadores? Profe, profe! Sei eu, sei eu! Dálle arriba! Non, dálle abaixo! Move o cable! Toca a pantalla!... A ver, hai que revisar: o son do canon: ben, o do ordenador: ben, o altofalante: ben. Entón que fago? Nada, chamar ao coordinador TIC. Si, de fixo que Antonio me resolve isto nun momento. Ha de ser unha chorrada, pero eu xa non sei que facer. Nenos, nenas! Por favor, calade! Sentade! Que facedes?
Que é iso? O timbre? Non pode ser! Se aínda non repartimos os ordenadores!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario