13 may 2015

Rianxo literario

Ai os da Pontepedriña cando van pola Ribeira!       
Ai os da Pontepedriña cando van pola Ribeira!
Descalciños pola area, parecen a rianxeira,
descalciños pola area, parecen a rianxeira.

Alumnos veñen, alumnos veñen.
alumnos veñen e van.
Que veñan os de Rianxo,
que ben o imos pasar!!

A que non sabedes quen é Manuel Antonio? Pois nós, o alumnado de 4ºda ESO, si! E ademais sabemos, porque a vimos, que ten unha casa museo en Rianxo de planta baixa e dous andares. Nela puidemos ver de abaixo a arriba como foi medrando na súa traxectoria de poeta.
Ao principio vimos unha colección de fotos tomadas polo curmán do escritor, nas que observamos a vida deles, especialmente relacionada co mar.
No primeiro andar explicáronnos como foran os seus comezos e algunhas anécdotas. Sabiades que con só dezaseis anos, el e os seus amigos Manuel Xoaquín González e Marcial Rodríguez fixeran un pacto de sangue? Con el comprometíanse a falar e defender o galego sempre. Pois agora xa o sabedes!!
No último andar testemuños da rebeldía de Manuel Antonio. Lembranzas del en compaña doutros grandes: Castelao, Risco, Otero Pedrayo...
Logo tocou ir ao Museo do Mar: conceptos básicos sobre artes de pesca, embarcacións... e aínda repasamos un pouco de xeografía cun mapa que había no chan.
a penúltima visita foi ao "Museo de Nós de Nuco", un interesante artista local no que puidemos ver as súas esculturas de grandes iconas galegas, principalmente escritores.
Pero para nós, sen dúbida, a mellor foi a última visita: ao IES Félix Muriel, onde nos  recibiron ao grande, ao son da Rianxeira. Aí estabamos todos, rianxeiros e santiagueses, convivindo, coñecéndonos, pasándoo ben.
E que mellor maneira de finalizar o día que facelo na praia recitando todos xuntos o "Adeus" de Manuel Antonio?
Agora tócalles a eles devolvernos a visita. Agardámosvos!!!!