12 abr 2012

Manolito ten un segredo: Elvira Lindo


Manolito é un neno moi humilde que vive en Carabanchel Alto. Chámanlle Gafotas polas súas lentes. É un rapaz un pouco traveso, pero sempre fai as cousas con boa intención. Vive coa súa nai, o seu avó e o seu irmán pequeno, “O Imbécil”. O seu pai é camioneiro e só vive con eles as fins de semana. Os seus amigos non son moi normais, e case todos teñen alcumes, polo que resultan moi graciosos.

Este libro relátao Luísa, unha veciña e amiga da nai de Manolito. O alcalde de Madrid vai facerlles unha visita ao colexio, e teñen que estar todos moi ben preparados. Resúltalles un pouco difícil, xa que é unha clase bastante desastrosa. Para recibir ao alcalde deciden recitar uns poemas e facer un Belén vivente con pastores e ovellas, xa que o Nadal aproxímase.  Chegou o día e non saíu como se esperaba. Ao Orelludo saíulle un  gas tóxico que fixo que a profesora, Sita, como lle chama Manolito, tivese que rematar o poema; e as ovellas que eran os nenos de preescolar, empezaron a chorar, de xeito que non deixaron que se escoitase a panxoliña que tiñan preparada. Tras as actuacións o alcalde díxolles que fora o mellor espectáculo da súa vida, porque se vía moi espontáneo e sen moita preparación, pero que daba igual, porque a intención era o que contaba. As súas palabras asombraron moito, pero o que non sabía o alcalde era que dedicaran todo un mes para preparalo.

A min o libro gustoume bastante, é moi divertido e está constantemente facéndoche graza. É doado esquecer o que estabas lendo, porque fala coma unha Boneca Rusa, dun tema saca outro e dese outro conta unha historia que lle fai lembrar outro tema que tamén cho relata. Ao final cóntache unha historia principal, pero tamén moitas outras pequenas, todas moi graciosas, coma os seus personaxes. Todo iso fai que o libro sexa agradable de ler e nada pesado como a primeira vista poida parecer.
Patricia Lagoa Pego. 1ºR1

Ota quere voar: Ánxela Loureiro

                                                           

Ota quere voar é a historia dunha gaivota, desde que nace ata que se fai maior. Nela podemos coñecer o que fan as gaivotas, que non viven soamente para voar por riba das nosas cabezas ou comernos a merenda... Podemos ver como cazan, como aprenden a voar e como se relacionan cos demais paxaros. Ota terá que vivir incribles aventuras unha vez que aprenda a voar, porque ademais das preciosas paisaxes que se poden ver voando, tamén hai infinitos perigos que terá que superar para poder ser libre e regresar ao seu fogar.

A historia de Ota comeza co seu nacemento. Xunto coa súa irmá, vive no niño dos seus pais. Xa de pequena, Ota é moi curiosa. Morre de ganas de saber como é o mundo e con poder observalo. Hai un montón de cousas que quere facer, pero o que máis desexa é poder voar. Ela quere viaxar e non para ata que o consegue. A súa primeira vez non é moi boa por culpa dun gabián, pero despois xa lle vai mellor.

Cando se fai maior e se independiza, encántalle ver á xente na praia. Todas as gaivotas teñen que estar sempre moi atentas xa que poden ser a vítima dalgún perigo que se lles presente, como un día cando Ota se achega demasiado a unhas nenas que fan un castelo de area e ela, ao non estar atenta, é raptada por un rapaz que a leva ata a súa casa. Alí, Ota pasa uns días horrorosos encerrada nunha gaiola. Fará todo o posible por saír dalí, será suficiente?

Como vedes, na vida das gaivotas pasan infinitas cousas que nós non sabemos e con este libro podemos descubrilas.

Eu creo que este libro está moi ben xa que se aprenden moitas cousas. Ademais, é moi facil de ler, lese moi rapido e é moi entretido poder saber un pouco máis.

                                                                                                   
                                                                                       Mar Álvarez Rama  1ºR

10 abr 2012

Lenda galega

Contaban os avós que cando eran nenos tiñan que traballar moito e axudarlles aos seus pais nos traballos do campo: sachando, cortando leña, toxos, etc...
Dicían que nunha toxeira chamada Fiáns había unha pedra moi grande, na que se escondía unha cobra xigante con ás, saía para buscar comida e a xente ao vela escapaba por medo a que os atacara.
Esta historia contábanlla aos nenos para que cando foran a ese sitio, non os acompañaran. E así foi pasando de xeración en xeración, non se sabe se foi verdade ou mentira, pero ninguén se atreveu a comprobalo.

Esta lenda contouma a miña madriña e gustoume moito.

Clara Gómez Campos 1º S