8 abr 2015

Visita de Fina Casalderrey

Nesta segunda avaliación, os alumnos de 3º lemos A Pomba e o Degolado, unha obra moi interesante escrita por Fina Casalderrey. A autora veu visitarnos  para contarnos emocionantes historias sobre a súa vida e relatarnos dalgún xeito a orixe do libro e en que se inspirara. 
A charla comezou cunha presentación sobre a autora feita por dúas alumnas do noso curso: Alejandra e Desi que cometeron un erro moi divertido, xa que falaron do seu marido tratándoo de “amigo”. 
Despois disto, Fina comezou a falar, e polo menos a min, enganchoume tanto coma o libro. Foi moi graciosa, xa que xuntaba as súas incribles historias  con bromas moi simpáticas polo medio. Esas horas estiveron cheas de anécdotas sobre a súa vida, unha delas foi a dun rapaz do seu antigo colexio, que ten unha certa semellanza cun dos protagonistas da historia. Este mozo, ao ter unha vida persoal complicada debido aos problemas que tiña a familia, ao redactar unha cousa, sempre escribía a mesma tráxica historia: a súa.
Despois de todo isto, quedounos un tempo para poder facerlle unhas poucas preguntas sobre o libro. Por último, e xa para finalizar, Fina asinou a todos os alumnos e alumnas que quixeron cadanseu libro.           

Gabriel Barreiro Rivera 3ºA 

26 mar 2015

ELO


Esta palabra saíu nun exercicio da clase no que tiñamos que poñer o nome que formaban os distintos debuxos. 



Elo: cada un dos aros que forman unha cadea.



Nuria González Iglesias 3ºC






UNHA ESTRELA NO VENTO



Que dicirvos deste libro? A min encantoume e volveríao ler sen problema, xa sexa polo drama, a realidade ou o amor; ou polas pelexas, a rivalidade e o sufrimento;  nel podedes atopar temas así de  diferentes, atractivos para todo tipo de persoas.


Miguel Foz é un rapaz vigués de 17 anos, que tras unha malleira planifica, xunto aos seus amigos, unha pelexa para vingarse da banda do Bruto. Ao mesmo tempo o seu curmán Abel vaise vivir con el, os pais do protagonista sepáranse e o rapaz coñece a Reina, unha moza da que se namorará. 
Todo isto fai que cambie a forma de velo todo, ata que o día do enfrontamento sucede algo inesperado que marcará un antes e un despois na súa vida. 
Se estades interesados nesta historia e tedes curiosidade por saber como remata  premede aquí e veredes o traballo completo que vos dará algunhas pistas:traballo

Nuria González Iglesias 3ªC